Compostaxe – I

A compostaxe é unha técnica que imita á natureza para transformar -de forma máis acelerada- todo tipo de restos orgánicos, no que se denomina compost ou mantillo, que tras a súa aplicación na superficie da nosa terra írase asociando ao humus, que é a esencia do bo vivir dun chan saudable, fértil e equilibrado na natureza.

Esta técnica baséase nun proceso biolóxico (cheo de vida), que se realiza en condicións de fermentación aerobia (con aire), con suficiente humidade e que asegura unha transformación hixiénica dos restos orgánicos nun alimento homoxéneo e altamente asimilable polos nosos chans. Neste proceso biolóxico interveñen a poboación microbiana como son as bacterias, cctomicetos, e fungos que son os responsables do 95% da actividade da compostaxe e tamén as algas, protozoos e cianofíceas. Ademais na fase final deste proceso interveñen tamén macroorganismos como colémbolos, ácaros, lombrigas e outros doutras moitas especies.

A compostaxe efectuouse desde tempos remotos e coñécese con diferentes nomes. Hai moitas formas de desenvolvelo. Aínda podemos lembrar o “lixo” das cuadras da nosa contorna. Na actualidade existen grandes plantas industriais de compostaxe que se nutren dos residuos de cidades ou zonas altamente poboadas onde se comeza a organizar a recollida selectiva de lixos. Nestas grandes plantas de compostaxe industrial utilízanse tanto os residuos orgánicos de alimentos, agrícolas, gandeiros, forestais e lodos extraídos das depuradoras de augas residuais. Pero tamén se está estendendo en zonas rurais a compostaxe doméstica e o colectivo.

Nas nosas zonas rurais, a pesar do retroceso da gandaría, da agricultura e da selvicultura, está a producirse unha gran expansión de zonas urbanizadas de vivendas unifamiliares con xardíns e hortos. Nelas xéranse importantes cantidades de variados restos vexetais que xunto aos restos orgánicos de alimentos ou de cría de animais son un gran recurso que poderiamos aproveitar tanto en cada vivenda como colectivamente coas técnicas de compostaxe.

AS VANTAXES DA COMPOSTAXE

A compostaxe é un aliado da sustentabilidade. Facendo compost cos nosos restos non necesitaremos comprar abonos nin substratos, xa que os teremos en casa gratis e de gran calidade.

Aforraremos en recollida de lixos. Estímase que entre o 40 e o 50% dunha bolsa de lixo doméstico está formada por refugallos orgánicos. É un gasto absurdo pagar porque se recollan, trasladen e amontoen para que podrezan ou ardan estes restos e os de pódas e segas do céspede -moitas veces a decenas de quilómetros- podéndoos transformar nun rico abono en nosa propia casa ou contorna inmediata co consecuente aforro.

Contribuiremos a reducir a contaminación. Canto máis preto aproveitemos os restos orgánicos máis se reducirá o consumo de combustibles para o transporte, haberá menos acumulación de refugallos en vertedoiros e contribuiremos a unha notable redución de sustancias tóxicas e gases nocivos nos mesmos, posto que nos vertedoiros os restos orgánicos podrecen (sistema anaerobio), envoltos con todo tipo de materiais inorgánicos. Por suposto que tamén evitaremos a contaminación producida ao queimalos.

Melloraremos a saúde da terra e das plantas. O compost obtido dos nosos refugallos orgánicos pódese empregar para mellorar e fortalecer o chan do céspede, dos arbustos, das árbores e do horto, cunha calidade de asimilación incomparablemente superior á de sustancias químicas ou substratos de orixe descoñecida que compramos, xa que o compost vigoriza a terra e favorece a actividade da vida microbiana, evita a erosión e o lixiliviado dos nutrientes e en xeral potencia e favorece toda a actividade biolóxica dos chans, que é a mellor garantía para previr pragas e enfermidades nos vexetais.

QUE RESTOS ORGANICOS PODEMOS COMPOSTAR

Todo o que empreguemos influirá dunha ou outra forma ao longo de todos os procesos que se irán producindo. Por iso habemos de adoptar a precaución de non incluír nunca na compostaxe elementos tóxicos ou nocivos. A seguinte listaxe facilitará a selección.

Materiais orgánicos compostables sen problemas

  • Plantas do horto ou xardín
  • Herbas adventicias ou mal chamadas “malas herbas”, (mellor antes de que fagan sementes)
  • Estieco e camas de curral
  • Ramas trituradas ou troceadas procedentes de podas (até uns 3 centímetros de grosor)
  • Matas e matogueiras
  • Plantas medicinais
  • Follas caídas de árbores e arbustos (evitando as de nogueira e loureiro real)
  • Heno e herba segada
  • Céspede (en capas moi finas e previamente desecado)
  • Mondas e restos de froitas e hortalizas
  • Restos orgánicos de comida en xeral
  • Alimentos estragados ou caducados
  • Cascas de ovo (mellor trituradas)
  • Pousos de café (pódense incluír os filtros de papel)
  • Restos de infusións (as que vai en sobre se el)
  • Servilletas e panos de papel (non impresos nin coloreados); mellor reciclalos
  • Cortes de pelo (non tinguido)
  • La en bruto ou de vellos colchóns (en pequenas capas e mesturado)
  • Restos de viño, vinagre, cervexa ou licores
  • Aceites e graxas comestibles (moi esparexidos e en pequena cantidade)
  • Cascas de froitos secos

Materiais compostables con reservas ou limitacións

  • Peles de laranxa, cítricos ou piña (poucos e troceados)
  • Restos de carnes, peixes, mariscos, as súas estruturas óseas e caparazones
  • Patacas estragadas, podrecidas ou germinadas
  • Cinzas (espolvoreadas e prehumedecidas)
  • Labras de serrín (en capas finas)
  • Papel e cartón (sen impresión de tintas en cores); mellor reciclalos
  • Trapos e tecidos de fibra natural (sen mesturar nin tinguiduras acrílicas)
  • Ramas e follas de túa e ciprés (moi poucas, troceadas e prehumedecidas)

Non engadir nunca ao compost

  • Materiais químicos-sintéticos
  • Materiais non degradables (vidro, metais, plásticos)
  • Aglomerados ou contrachapados de madeira (nin as súas labras ou serrín)
  • Tabaco (cigarros, puros, picadura), xa que contén un biocida potente como a nicotina e diversos tóxicos
  • Deterxentes, produtos clorados, antibióticos

Para quen se interesen por unha compostaxe ecolóxica ademais deberán evitar materiais que poidan conter fungicidas, herbicidas e calquera tipo de pesticidas porque sempre deixan algún rastro.

COMO ELABORAR O COMPOST

Hai diferentes técnicas para compostar. Cada cal debe elixila segundo o tipo de restos orgánicos dos que dispón, da cantidade e da relación entre esta e o tempo que tarda en producirse.

O procedemento a seguir é o que nos ensinan os diferentes ecosistemas naturais. Para iso lembremos sempre como funciona a vida do chan vendo o seguinte perfil:

Proceso de formación dos chans. 1:Roca Nai; 2:Influencia sobre a roca dos cambios de temperatura, vento; 3:Acción da auga e dos seus sales minerais; 4:Acción dos seres vivos; 5:Acción conxunta de todas as materias orgánicas e inorgánicas.

Como se pode apreciar nesta imaxe un chan fértil e o máis cheo de vida (5) é o exemplo a seguir nas técnicas de compostaxe. Os elementos orgánicos que acabaron o seu ciclo de vida caen na superficie do chan. Entre a capa máis superficial e a máis profunda deste perfil e próximo á máis superficial podemos atopar o humus que é o almacén das sustancias nutritivas para as plantas no subsolo. O humus é o resultado final e permanentemente cambiante da compostación de todos os materiais orgánicos e vexetais que se van depositando na superficie dos nosos chans. En palabras de Mariano Bo “O humus é a clave da fertilidade, é o estado intermedio entre vida orgánica e minerais inertes”.

A compostaxe que nos propomos facer consiste en crear unha serie de condicións para que no lugar onde elixamos actúen os microorganismos e os macroorganismos ás súas anchas e da forma máis cómoda e apetecible posible. Esa enorme asociación de vidas diferentes e diversas fará o traballo.

Igrexa de San Pedro de Moreiras

Construída no século XVIII,  destaca pola súa fachada de traza renacentista rematada por dúas torres desiguais unidas por unha balaustrada.

“Toda a andaina é unha gozada”

Os andaríns buscamos camiños axeitados, non cortalumes nen asfalto, queremos bosques autóctonos e gústanos comer ben.

A miña aldea

Parece ser que  Valentín Lamas Carvajal tiña dous amigos moi queridos en Moreiras, o abade don Ángel Varela e o mestre Freire , dous amigos aos que visitaba con frecuencia.

“Cando xogas con un concepto como é a solidariedade, as posibilidades de éxito son grandes”

Entrevista con Juan Canal, impulsor primeiro do proxecto Toén Solidario.

© Asociación de Veciños de Moreiras
Bretema Digital Studio - Diseño Web
Brétema Digital Studio